Xoán Babarro González
Xoán Babarro González (Calvelo de Maceda, 1947) é escritor, lingüista e docente. Doutor en Filoloxía, desenvolveu un importante labor a prol da normalización e do ensino da lingua galega, así como no estudo e defensa do galego de Asturias. Desde 2002 é membro correspondente da Real Academia Galega.
A súa vinculación con Maceda nace na propia aldea de Calvelo, onde pasou a infancia e realizou os primeiros estudos. No ano 2000 foi recoñecido como “Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda”.
A súa obra
Conta cunha extensa produción literaria, especialmente dedicada á literatura infantil e xuvenil, que abrangue narrativa, poesía e teatro. Entre as súas obras figuran Zoca zoqueira, Primeiro libro con Malola, Barrigaverde e o dragón Achís, A princesa de Taramundi, Macarrón de Narices ou Garabitolas.
Paralelamente desenvolveu unha importante actividade como lingüista e investigador, destacando os seus estudos sobre o galego de Asturias e o seu compromiso coa incorporación e normalización do galego no ensino.






