A súa orixe podémola atopar no corazón da serra de San Mamede vinculada a ritos pagáns. Felo é sinónimo de máscara. O seu traxe é semellante ao dos peliqueiros de Laza ou ao dos cigarróns de Verín. Caracterízase por ser unha figura máis primitiva e masculinizada. Compónse de: camisa branca, chaquetilla, ombreiras con charretas de militar, gravata, medias negras, calcetíns brancos de lá, pololos, adovíos de borlas de cores e unha colcha con flecos na cintura como amortiguación das chocas, cinco, que espantan os lobos e malos espíritus. Como calzado usan botas e portan caxato. A máscara componse de carauta e mitra: a carauta, de madeira cocida, mostra xesto autoritario e sorriso, coróase coa mitra, de latón, pintada coa ilustración dun animal representativo da serra de San Mamede e remátase cunha cola de raposo.
Os felos saen en época do Entroido, sendo o día máis senlleiro o sábado, no que se xuntan de mañá na Praza das Toldas de Maceda e fan un percorrido por diferentes lugares da zona alta da serra: Castro de Escuadro, Pías, Xinzo da Costa, Celeirón, Barxela, Vilardecás, Carguizoi, Sarreaus e Tioira.
Utilizamos cookies para asegurarnos de que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Na páxina Páxina "Política de Privacidade" poderá obter toda a información relativa ao tratantamento dos datos.AceptarRexeitarPolítica de Privacidade