Xeodestino Área de Allariz, Maceda e Alto Arnoia

O NOSO ENTROIDO

entroido-deallarizamaceda (1)

A festa ritual do Entroido galego ten personalidade propia e no rural de Ourense ten peculiaridades moi definidas. O Entroido está moi arraigado en toda a cultura ourensá e no xeodestino “De Allariz a Maceda” a súa pegada realmente forma parte da idiosincrasia de todos os concellos que o integran. O Felo de Maceda é, sen dúbida, unha das súas figuras máis embleáticas.

O Felo de Maceda ensamblase -aínda que con elementos externos diferenciados- coa indumentaria convencional dos Peliqueiros de Laza e os Cigarróns de Verín. Calcetíns de lá brancos, medias negras, ringleiras de borlas de distintas cores, colcha con freques claros arredor do van, rabo de zorro no alto da mitra, colares varios e caiado como arma intimidatoria, conforman as súas particularidades iconográficas; máis primitivas e masculinizadas na parte inferior cás do tronco común. O canónico aconsella pintar na mitra animais ou aves rapaces da Serra de San Mamede e non fauna nin motivos alleos.

As orixes da máscara remóntana algunhas fontes ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, totems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación. Outras deixano nas hedonistas da Roma Imperial. Os medievalistas, na época dos bufóns e dos impostos feudais arredor dos castelos. Reminiscencias precristiáns; culto ó viño e ó pracer; connotacións sociais e relixiosas do medievo. Entre todas -intuímos- modelaron o fenómeno.

O termo Felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara. Semanticamente a verba xermánica (fillon) indica que pode azoutar. Felón e felonía vincállase coa rebelión do vasalo contra o señor feudal. Maceda asenta bastión fortificado dende o século XII.

Denantes da II República saían os Felos illadamente ó comezo do ano dende as aldeas do val e da Serra. Logo instauraron o Domingo Fareleiro (enfouzaban con farelos ós viandantes), o Domingo Corredoiro (tinguían á xente cunha bola de ferruxe dos potes e tinta dunha barreira) e o Sábado, Domingo e Martes de Entroido. Dezasete días de transmutación de valores na bisbarra de Maceda onde a gastronomía tamén conta: O Domingo de Entroido, cachucha, rabo, unllas, chourizos, grelos, garavanzos, patacas e tintos espesos do país, preferentemente en xerras e cuncas de barro de Tioira ou Niñodaguia. O Martes, cabrito ó forno con patacas. De postre orellas ou filloas con mel.

Pululaban os Felos a pé divertíndose de aldea en aldea. O son provocativo das chocas disuadía ós lobos nas perigosas noites de invernía. Logo invadían a vila e non se afastaban da zona. Bebían ovos con viño para soportar o inmenso desgaste físico. Non pedían diñeiro. Tampouco destapaban a carauta diante da xente. Perseguían ós que se metían con eles. A mulleres chacoteábanos. Faldriqueaban con elas co caiado nun flirteo cómplice xeralmente admitido. Lucían traxe os solteiros. Algúns pasaban máis dunha semana disfrazados día e noite polas aldeas. Durmían nas palleiras. Só demandaban comida e bebida nas casas para continuar o trouleo.

A máscara -de sorriso retranqueiro- representa a virilidade máis fidedigna.

O Felo da medo. Pódeselle insultar. Endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta. Transgrede as normas. É a autoridade nestas datas. Seu espírito anárquico e rebelde estase modificando. Hogano confórmanse en grupos. Os cativos da vila tamén. Incorporáronse na década pasada. Algúns sitúanse estratéxicamente nas entradas de Maceda. Intimidan ós que entran e saen nos coches para que lles solten cartos. Descúbrense. Introducen outros costumes. Novos tempos que -nalgúns xestos- colisionan coa tradición.-

Se nos queres seguir…