Xeodestino Área de Allariz, Maceda e Alto Arnoia

xeodestino-de-allariz-a-maceda
A auga sempre busca o seu camiño
xeodestino-de-allariz-a-maceda
A auga sempre busca o seu camiño

Fontes do camiño de Santiago,

de Allariz a Maceda

As fontes son moito máis que simples manantiais de auga. Son historia, cultura e vida. Durante séculos, foron puntos de encontro nas aldeas, espazos de descanso para camiñantes e un recurso vital para quen habita o territorio. O Camiño de Santiago está cheo delas, pero algunhas están esquecidas, deterioradas ou en desuso.

O proxecto “A auga sempre busca o (seu) camiño” nace co obxectivo de documentar, preservar e pór en valor as fontes ao longo do Camiño de Santiago nos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Trasmiras, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Taboadela e Allariz.

Preservemos as fontes do Camiño de Santiago

Por que son importantes as fontes?

  • Para a veciñanza: son parte da identidade das aldeas, símbolos dunha forma de vida en conexión coa terra.
  • Para o medio ambiente: a auga é un recurso esencial para o ecosistema. As fontes ben conservadas permiten que a natureza siga o seu curso.
  • Para os peregrinos: beber das fontes reduce o uso de plástico, ofrece unha alternativa sostible e mantén a tradición viva.

Que fixemos neste proxecto?

  • Inventariamos e analizamos o estado das fontes destes concellos.
  • Realizamos un rexistro audiovisual con fotos e vídeos.
  • Desenvolvemos unha campaña de sensibilización para promover o seu uso e conservación.
  • Fomentamos un turismo máis sostible, reducindo o consumo de plástico e recuperando o valor destes espazos naturais.

Que podes facer ti?

  • Se fas o Camiño, busca as fontes, úsas e cóidaas.
  • Se atopas unha fonte en mal estado, comunícao.
  • Se vives preto dunha fonte, contribúe á súa limpeza e conservación.
  • Se queres un mundo máis sostible, di NON ao plástico e SÍ á auga de sempre.

A auga non se detén. Busca o seu camiño, igual que o fixo sempre. Pero nós debemos acompañala, protexela e asegurarnos de que nunca se perda.

Únete á causa. Comparte, actúa, cambia. O futuro das nosas fontes está nas nosas mans.

Fontes por concellos

Un proxecto común: SEMTAYR como marco de acción

As actuacións que estamos a desenvolver dende o GDR Limia-Arnoia enmárcanse no proxecto SEMTAYR: Sistema de Xestión, Monitorización e Comunicación Virtual para a Mellora da Experiencia Peregrina. Este proxecto busca recuperar e poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais vinculados ao Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Prata e no Camiño Mozárabe. O noso labor céntrase na recuperación de fontes e lavadoiros tradicionais, elementos esenciais da nosa identidade cultural e ambiental, integrándoos nun modelo de turismo sostible e enriquecedor para peregrinos e comunidades locais.

Un proxecto colaborativo e extenso

SEMTAYR é un proxecto colaborativo que reúne a 30 Grupos de Acción Local de catro comunidades autónomas: Andalucía, Extremadura, Castela e León e Galicia. Estes grupos actúan en máis de 280 municipios ao longo de 2.150 km do Camiño de Santiago, abranguendo as rutas da Vía Augusta, o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata e o Camiño Sanabrés. Dende o GDR Limia-Arnoia, representamos a provincia de Ourense, sumándonos a esta rede para contribuír á protección, promoción e dinamización dos territorios que atravesa o Camiño.

Apoio europeo e un obxectivo claro

O proxecto SEMTAYR está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A convocatoria forma parte do programa Experiencias Turismo España, promovido polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O seu obxectivo principal é consolidar a Vía da Prata e o Camiño Mozárabe como itinerarios alternativos, sostibles e desestacionalizados, mellorando a experiencia dos peregrinos e fortalecendo os vínculos co territorio mediante actuacións de valorización patrimonial, tecnoloxía, formación e promoción local.