Xeodestino Área de Allariz, Maceda e Alto Arnoia

Conxunto da Ex-Colexiata de Santa María a Real

Dominando o lugar, nunha posición envexable, érguese este espectacular monumento que ten a súa orixe no século IV, nunha ermida levantada na honra de Santa María. No século X fúndase unha casa monástica dúplice por parte de Gonzalo Froila e Ilduara, sobriña de San Rosendo. En 1150 a familia cede os dereitos patrimoniais do mosteiro e os seus bens a deus, feito documentado no arquivo da Catedral de Ourense, para que o prior de Santa María do Sar en Santiago de Compostela, funde nel unha comunidade de canónigos regulares de San Agustín. Foi lugar de peregrinación pola grande devoción á Virxe, chegaban peregríns dende tódolos lugares, era punto obligado de visita, culto e repouso. Os monxes cobixaban corpo e alma e coas donacións que recibían construíron o templo románico e o hospital para peregríns.

A igrexa enmárcase na metade do século XII, é un dos mellores exemplos de arquitectura románica da provincia. A figura máis relevante da igrexa foi o prior Alonso de Piña, gran renovador do mosteiro: construiu o claustro (s.XVI) e o pazo prioral. Dotou a igrexa dun magnífico retábulo, de coro e un espectacular órgano, o que hoxe se conserva e emprega data de 1757 e foi obra de Manuel González. 

Todo o conxunto é unha mostra excepcional de arquitectura e escultura, merecente da súa declaración como Ben de Interese Cultural.

  • Núcleo Urbano (Fontes, Cruceiros)

No núcleo urbano do concello atopamos casas con galerías típicas tradicionais galegas, rúas con encanto que evocan tempos pasados, pazos, a capela de San Pedro, diferentes fontes, cruceiros, cabaceiros e un pombal… É sen dúbida unha parada obrigatoria para perderse polos seus recunchos cheos de encanto e tradición.

Se nos decidimos a facer unha parada no camiño en Xunqueira poderemos gozar de fabulosos cruceiros como o do adro da Ex-colexiata do século XVI e outro no antigo toural hoxe Praza Primo de Rivera. Na Praza do Bispo Carrascosa, espacio libre entre a ex-colexiata e as vivendas ás que se accede dende a rúa Asdrúbal Ferreiro e atravesando unha arcada con escudo de Felipe II, podemos ver a coñecida “Panera” co escudo de armas do prior Martín de Córdoba, usado como pósito/almacén municipal para cereais de finaís do século XVII. 

No barrio da Fonte de Abaixo podemos atopar un complexo de fonte-puzo-tanque, contan os veciños que a fonte, de tres canos, botaba auga diferente, de máis salgada a outra máis doce.

Xunqueira coa súa situación xeográfica e afortunada, preto de Allariz e Ourense e con augas termais e un clima suave adoptou o sobrenome de “Vila Sana”.