Baños de Molgas é coñecido dende antigo polas súas augas termais, xa empregadas polos romanos. Os seus mananciais foron declarados de utilidade pública en 1873, construíndose tempo despois o Balneario que hoxe se pode gozar.
A fonte da burga é unha fonte termal da que emanan augas a unha temperatura de entre 28º e 49º. O seu uso está especialmente indicado para tratamentos de reuma, artrite e gota. A actual fonte foi construída en cantaría de granito en 1896. Despois da fonte, hai dous píos de pedra, protexidos cunha cuberta con estrutura metálica e tellado de vidro, probablemente, para poder tomar as augas con calquera condición climatolóxica, e tamén, no primeiro dos píos, para poder lavar.
Ao seu carón podemos ver a denominada “Ponte Vella” de Molgas. Unha ponte cun arco de tendencia circular de máis de dez metros de luz. Construída probablemente en época romana como testemuñan os perpiaños almofadados da súa base. Seguramente arredor do século II da nosa era, formando parte das vías secundarias para unir a Cibdá de Armea (Allariz) coa Via XVIII do Itinerario de Antonino. Son moitos os investigadores que apuntan que esta ponte, xunto co núcleo que emerxería ao seu carón, serían en verdade a citada nas fontes clásicas como a estación viaria Aquis Salientibus. Un posto da administración do imperio que daría a entender a relevancia de Baños de Molgas como encrucillada de camiños xunto co seu aproveitamento termal.
A carón destes elementos sitúase un remanso do Arnoia con bosque propio de ribeira coñecido como o Parque da Ansuíña, un magnífico lugar para desfrutar do tempo libre, merecedor de visita e tamén apto para o baño.